SEMINARIO: “Museos no cambio sustentable, museos de impacto”, o 25 de maio

Tipo nova
DEAC
SEMINARIO: “Museos no cambio sustentable, museos de impacto”, o 25 de maio
Imaxe
Cartaz Seminario DIM 2023

Que valor xera o museo no barrio, na cidade? Cantas alianzas establece coa comunidade? Como impacta medioambientalmente cos seus procesos e ferramentas de traballo? Pode medirse o seu grao de influencia no fomento da inclusión social? Ao redor destas e doutras ideas e reflexións, o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, organiza o seminario “Museos no cambio sustentable, museos de impacto”, o vindeiro xoves 25 de maio.

O 18 de maio os museos celebran o seu día. En 2023, o ICOM (Consello internacional de Museos) escolleu o lema Museos, sustentabilidade e benestar partindo de que os museos son institucións de referencia e fíos condutores do noso tecido social común, polo que están nunha posición única para fomentar o cambio positivo. O ICOM subliña as contribucións dos museos en campos como o apoio á acción climática, o fomento da inclusión, a loita contra o illamento social e a mellora da saúde mental.

Co gallo desta efeméride, o Museo do Pobo Galego, organiza o seminario formativo “Museos no cambio sustentable, museos de impacto” ao redor da sustentabilidade nos museos e de como estes poden actúar para contribuír de forma clave ao benestar e ao desenvolvemento das comunidades nas que se insiren. Os museos son patrimonio, memoria, creatividade, ideas; en resumo, un complexo e completo sistema de bombeo na folla de ruta do planeta cara a sustentabilidade.

O seminario terá lugar o 25 de maio ás 17h na sala de actividades do Museo do Pobo Galego e será impartido pola enxeñeira e consultora María Baqueiro, O seminario será presencial, aínda que con opción a sumarse a través do streaming. En ambos casos deberá facerse unha inscrición previa en deac@museodopobo.gal. De balde.

 

Seminario “Museos no cambio sustentable, museos de impacto”

Que di a Axenda 2030 da cultura e dos museos.  Repasamos o papel da cultura na axenda planetaria, desde a súa aprobación en 2015

Benestar non é o título dunha exposición. Valoramos a capacidade do museo para impactar na contorna e facer tecido comunitario.

A importancia de ter un plan. Plasmamos a nosa estratexia e o noso compromiso sustentable con concrección; recomendacións para o plan de acción.

Adiantados na aula: museos á vangarda do camiño sustentable. Identificamos e analizamos algunha prácticas que nos inspiran, innovadoras e escalables.

SEMINARIO: “Museos no cambio sustentable, museos de impacto”. Museo do Pobo Galego, xoves 25 de maio, 17h #DIM2023. Imparte: María Baqueiro. Duración: 2 horas. Presencial (con opción streaming). Inscrición gratuíta en deac@museodopobo.gal. Dirixido a profesionais de museos e centros de interpretación en calquera das áreas de traballo; técnicas/os de cultura e estudantes (Arte e Historia da Arte, Xestión Cultural, Educación Artística e Social). Dirixido, en xeral, a profesionais do sector cultural con interese na Axenda 2030 e nos impactos da acción cultural no medioambiente, economía e sociedade.

María Baqueiro é enxeñeira e Executive MBA, leva máis de veinte años traballando en consultoría, primeiro no ámbito enerxético e, posteriormente, no ámbito sustentable, asesorando tanto entidades públicas como privadas. Chegou a este ámbito a través da moda para, despois, centrarse no sector cultural. É coordinadora de sustentabilidade de diferentes festivais en Galicia e exerce como asesora en diversos proxectos culturais no resto da península. En 2021 promove o Pacto Cultura Sustentable, unha alianza galega para traballar de forma conxunta e coordinada na incorporación do enfoque sustentable na cultura, aliñando prácticas culturais e Axenda 2030. Preto de corenta entidades dos ámbitos da música, cinema, cultura oral, patrimonio ou cultura urbana son parte desta alianza.