‘O futuro dun legado. O museo de Galicia’

Submitted by xestor on Ven, 13/10/2023 - 18:26
17
Oct
2023
Tipo evento
Exposición
‘O futuro dun legado. O museo de Galicia’
Imaxe
O futuro dun legado

Co gallo do cen aniversario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), dende outubro e ata o mes de xaneiro pódese visitar a colección permanente do Museo a través do itinerario "O futuro dun legado. O museo de Galicia", unha intervención na nosa colección permanente por pezas procedentes daquelas coleccións que o Seminario tiña no seu Museo no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. Fondos que pasaron a ser custodiados polo Museo do Pobo Galego dende a súa creación en 1977, por expreso desexo de antigos membros do Seminario, como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, que foron, así mesmo, o primeiro presidente do Padroado e o primeiro director do Museo do Pobo Galego. 

Entre ese legado material do SEG están as maquetas de vivendas que hoxe en día forman parte da sala de arquitectura do Museo do Pobo. Tamén, pezas relacionadas cos oficios artesanais, unha das materias de estudo do Seminario, que reunira para o seu museo un conxunto de ferraxes, espellos de pechaduras, petadores, ou ferrollos, datados entre 1870 e 1910, que dan boa proba da capacidade creativa dos ferreiros. Destacan tamén, entre outras, as pezas de olaría de Buño e Niñodaguia, dous centros oleiros que continúan hoxe en activo de entre a vintena de aldeas oleiras que había en Galicia no primeiro cuarto do século XX. 

A vestimenta tradicional galega, os elementos da vida cotiá ou os apeiros agrícolas foron tamén obxecto de colección do Seminario. Igualmente, achegas sobre embarcacións, pioneiras no estudo da cultura mariñeira, como son ‘Embarcacións: notas para un cuestionario de etnografía’ (1993), ou ‘As dornas de Porto do Son’ (Nós, 126-127), de Xaquín Lorenzo Fernández. 

Pero, no seu labor de recompilación do patrimonio galego, o SEG quixo rexistrar tamén aquel relacionado co inmaterial, con estudos e investigacións e coa conservación de pezas como a zanfona do século XIX que forma parte da colección permanente do Museo e cuxo son se poderá escoitar na sala de exposicións grazas á execución de Antón Santamarina dunha partitura recollida en Terra de Melide. 

Cada peza, cada documento deste percorrido chega até nós contendo o espírito daquel proxecto truncado pola guerra e a ditadura. Son anacos da nosa Historia e tamén das historias de quen nos precedeu, testemuñas dos logros dunha sociedade e á vez, sementes da proxección desta no futuro.

Xunto ás pezas, encontraredes códigos QR cos que poderedes acceder a máis información sobre o vínculo do SEG e o Museo ou sobre datos etnográficos das pezas. Tamén atoparedes bibliografía, fotografías ou documentos audiovisuais que conteñen a voz de persoas ponte entre ambas as institucións, o Museo e o Seminario. 

‘O futuro dun legado. O museo de Galicia’ conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.

Descarga