Exposición XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Submitted by xestor on Mar, 31/10/2023 - 15:43
04
Nov
2023
Tipo evento
Exposición
Exposición XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas
Imaxe
XII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

Dende o 4 de novembro e ata comezos de xaneiro, o claustro alto do Museo acolle a exposición dos traballos premiados na XII edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Un proxecto que procura lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director deste Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, ao coñecemento da lingua e do medio e á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural, a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros escolares. 

Os proxectos gañadores desta edición son Ecoparloteo, froitos da terra, do CEIP Plurilíngüe da Ramallosa (Teo), na modalidade de ensino primario; e o proxecto Ao son da oralidade. O noso patrimonio. Da pedra á palabra. Da prehistoria ao século XXI, presentado conxuntamente polo IES do Milladoiro (Ames) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), na modalidade de ensino secundario. 

O proxecto desenvolvido polo colexio teense da Ramallosa, Ecoparloteo, froitos da terra, amosa unha mestura de elementos do noso patrimonio material e inmaterial, como os Entroidos de Galicia, o patrimonio oral, a toponimia, o proxecto “Cóntame un conto” impulsado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas ou a radio escolar. 

  

Pola súa banda, o traballo da comunidade escolar dos institutos do Milladoiro e de Vila de Cruces xira arredor de tres eixos temáticos do patrimonio material e inmaterial: os petróglifos, a toponimia e a improvisación oral en verso. Na exposición pódese interactuar a través de códigos QR, xogos interactivos, fontes audiovisuais e outras adaptacións ás novas tecnoloxías con contidos como os petróglifos, a toponimia, a relación da música tradicional coa contemporánea, a regueifa, a oralidade no entroido do Ulla ou unha mostra do Proxecto Regueifesta, impulsor da improvisación oral en verso desde os dous centros recoñecidos co Premio Antonio Fraguas.

  

 

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e está integrado no Plan Proxecta+ para fomentar a innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formacion Profesional e Universidades.