"Habitabilidade e saneamento na India rural", exposición itinerante da Fundación Vicente Ferrer

Submitted by xestor on Ven, 14/07/2023 - 09:11
19
Jul
2023
Tipo evento
Exposición
"Habitabilidade e saneamento na India rural", exposición itinerante da Fundación Vicente Ferrer
Imaxe
Exposición Vicente Ferrer MPG

mércores, 19 de xullo, ás 13 horas, inaugúrase no Claustro do Museo do Pobo Galego a exposición itinerante “Habitabilidade e saneamento na India rural”. Unha mostra que é o resultado dun proxecto desenvolvido pola Fundación Vicente Ferrer, co financiamento da Xunta de Galicia, para garantir o dereito a unha vivenda digna e saneamento básico a familias vulnerables da comunidade rural de Kothapalli (distrito de Anantapur). O proxecto promove tamén a creación dunha contorna de vida saudable a través do impulso á conservación do medio ambiente, a xestión de residuos e a reciclaxe. 

A exposición, artellada desde unha concepción antropolóxica en liña cos obxectivos fundacionais do Museo, permítenos achegarnos ás solucións adoptadas noutros lugares do mundo e comparalas cos modelos habitacionais autóctonos e implantados en Galicia. Tamén, analizar as consecuencias que ten na vida das persoas e dos colectivos o feito de dispoñer dunha vivenda: a mellora da seguridade e a saúde comunitaria, a autoorganización da comunidade, a reducción das desigualdades, os avances na consecución da igualdade de xénero e na eliminación da discriminación social a causa das discapacidades. 

Tralo seu percorrido pola Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Coruña, o Palacio de Exposicións e Congresos (PALEXCO) da Coruña e o Centro Sociocultural do Concello de Negreira (A Coruña), a exposición poderá verse no Museo do Pobo Galego ata o domingo, 1 de outubro. 

A Fundación Vicente Ferrer

A Fundación Vicente Ferrer (FVF) é unha Organización Non Gubernamental de Desenvolvemento comprometida desde 1969 co proceso de transformación de zonas rurais en Andhra Pradesh e Telangana (sudeste da India). Apoia a comunidades empobrecidas e grupos especialmente vulnerables: mulleres e persoas con discapacidade. Aplica os seus programas en 3.819 aldeas e apoia máis de 3 millóns de persoas. O modelo de desenvolvemento da FVF na India coincide co conxunto de propostas globais da ONU para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en 2030.