Uso de cookies

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e mostrarlle informacón relacionada coas súas preferencias mediante o análisis dos seus hábitos de navegación. Se continua navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode cambiar a configuración ou obter más información aquí.

Idioma

Seleccione o seu idioma

menú de navegación raacute;pida

volva ao inicio, navege a través do mapa web ou póňase en contacto con nos



Está vostede en:

SOBRE O MUSEO

Sobre o museo

ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS: A figura


Antonio Fraguas Fraguas naceu en Loureiro de Cotobade (Pontevedra) o 28 de decembro de 1905. Logo de cursar o bacharelato no Instituto de Pontevedra, trasládase a Santiago para estudiar Filosofía e Letras. Licénciase en 1928; o doutorado vaino obter en 1950 cunha tese sobre o Colexio de Fonseca.


Iníciase na docencia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, onde exerce como profesor auxiliar. En 1932 casa en Valga con Teresa Martínez Magariños; o matrimonio non terá fillos. En 1933 accede ó profesorado de ensino medio, no Instituto da Estrada. Durante a guerra civil, en represalia pola súa condición de demócrata e galeguista, será separado do corpo; algún tempo despois dirixirá, novamente en Compostela, a Academia Menéndez y Pelayo. Volve á Universidade entre 1943 e 1950, ano en que obtén a cátedra de instituto, que vai desempeñar en Lugo ata 1959, e no Rosalía de Castro de Santiago ata a súa xubilación en 1975. Nesta dilatada traxectoria deixará imborrable memoria, polas súas virtudes docentes e humanas, en cantos tiveron ocasión de recibir o seu maxisterio, autenticamente vocacional e informado sempre por un fondo sentimento de amor á terra, que soubo transmitir ós seus alumnos.


A súa vinculación ó galeguismo data dos seus anos mozos en Pontevedra, onde se conta no grupo fundador da Sociedade da Lingua. Daquela empeza a colaborar co Seminario de Estudos Galegos, no que se integra de feito en 1928 como membro das Seccións de Xeografía e de Etnografía e Folklore. Como membro do Seminario participa nalgunhas campañas de escavacións arqueolóxicas e na recollida de materiais e montaxe do Museo Etnográfico instalado no Colexio de Fonseca. Toma parte tamén nalgunhas das xeiras conxuntas de estudios comarcais, entre elas a da Terra de Melide. A fulminante disolución do Seminario, a consecuencia da guerra civil, dá ó traste cun labor exemplar de pescuda nas raíces históricas e culturais da terra.


Ó constituírse en 1944 o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, que había recoller parte dos integrantes e do patrimonio do Seminario, Fraguas adscríbese á nova institución, da que será sucesivamente Bibliotecario, Secretario e director da Sección de Etnografía e Folklore. O 19 de abril de 1951 é electo membro numerario da Real Academia Galega, para ocupar a vacante de Castelao; entre maio e novembro de 1997 foi Presidente en funcións da Academia. Foi tamén numerario da Academia Galega das Ciencias e membro do Consello da Cultura Galega, e pertenceu a diversos organismos e entidades científicas: correspondente da Real Academia de la Historia, da Associaçäo dos Arqueólogos Portugueses, da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnologia, etc.   Dirixiu o Museo Municipal de Santiago e foi membro fundador do Museo do Pobo Galego, que dirixiu desde a súa creación; en 1989 sucedeu a Xaquín Lorenzo Fernández na presidencia desta institución.


En 1974 foi designado colexial distinguido do Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias do Distrito Universitario de Santiago. No ano 1984 foi galardoado co Pedrón de Ouro e impúxoselle a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego. En 1989 recibiu o título de fillo adoptivo de Compostela e a medalla de ouro ó mérito cultural. Era tamén fillo adoptivo de Lugo e predilecto do seu concello natal. En 1985 recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo. A Xunta de Galicia, que en 1984 lle concedeu a Medalla Castelao, e tamén o seu Premio anual de Investigación, nomeouno en xaneiro de 1992 Cronista Oficial de Galicia. Nese ano as Deputacións Provinciais galegas concedéronlle o Premio Otero Pedrayo. En 1995 recibiu o Premio das Artes e das Letras de Galicia, instituído ese mesmo ano en conmemoración das Letras Galegas.


Como foi característico dos homes vinculados ó Seminario de Estudos Galegos, don Antonio Fraguas abordou nos seus traballos os máis diversos campos do saber humanístico: xeografía, etnografía, folclore, historia, arte. Como mostra da súa vasta obra pódense escolmar algúns títulos: Geografía de Galicia (1953); El Colegio de Fonseca (1956); Santiago de Compostela (1957). Los colegiales de Fonseca (1958); Galicia insólita (1973); Lugo (1974); Murguía, o patriarca (1979); El traje gallego (1985); Aportacións ó Cancioneiro de Cotobade (1985); Romarías e Santuarios (1988); A festa popular en Galicia (1996). Moitos dos seus artigos viron a luz nas revistas Nós e Cuadernos de Estudios Gallegos, e noutras publicacións especializadas, tanto galegas como estranxeiras. Reputado bibliófilo, en 1994 cedeu a súa biblioteca ó Museo do Pobo Galego.


Antonio Fraguas faleceu en Santiago o 5 de novembro de 1999. A súa limpa traxectoria vital e intelectual permaneceu unida sen fisuras á condición de galeguista, da que non abdicou en ningunha circunstancia. En virtude disto, como membro do reducido núcleo dos galeguistas históricos que mantiveron incólume a pureza do ideario que deliñaran Castelao, Risco, Bóveda, fíxose acredor ó respecto unánime e a un posto destacado entre os creadores da Galicia que marcha cara ó porvir.


Os obxectivos:

Os obxectivos

Proxectar, conservar e dinamizar o patrimonio que D. Antonio Fraguas e toda a xeración por el representada, crearon e rescataron para a conservación futura da memoria de Galicia."


A Figura

A Figura

Antonio Fraguas Fraguas

Proxecto didáctico



Xunta de galicia, Consellería de Cultura e Deporte

Copyright, dirección, contacto e Política de privacidade