Programa escolar para o 1º trimestre do curso 2023/24

Tipo nova
DEAC
Programa escolar para o 1º trimestre do curso 2023/24
Imaxe
Foto Programa Escolar

Xa temos preparado o programa para este comezo de curso, con propostas didácticas para alumnado de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Obradoiros, actividades de descuberta, visitas dinamizadas, xogos autónomos de balde para a visita, instalacións participativas...

Como novidade este curso, varias das propostas que vos ofrecemos están vinculadas á celebración do 100 aniversario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), do cal herdamos a filosofía de traballo deste grupo de persoas que no primeiro terzo do século XX estudaron Galicia con perspectiva científica, así como tamén unha parte importante dos fondos que, no seu día, formaron parte do Museo que o propio SEG mantivo aberto nos anos 30. Por iso, a partir do 12 de outubro (data de fundación do SEG), poderedes tamén visitar a colección permanente do Museo a través do itinerario “O futuro dun legado. O museo de Galicia”. 

Premede aquí para consultar o programa escolar ao completo e, nesta outra ligazón, para facer a reserva de actividades. 

Ademais, volve tamén a Escola MICE, unha proposta da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego, ao redor do cinema e a etnografía dirixida a Secundaria e Bacharelato. O alumnado participante elaborará unha peza curta audiovisual na aula contando co apoio, o asesoramento e sesións formativas nos propios centros impartidas polo persoal da área educativa da MICE. Podedes consultar aquí toda a información.  

Para máis información, contactádenos no enderezo servizosdeac@museodopobo.gal ou no teléfono 981 583 620.