XORNADAS DE OBSERVACIÓN DE AVES DE INVERNÍA DO PAÍS
Dende a Oficina de Socias e Socios do Museo do Pobo Galego vimos de organizar unhas xornadas de observación de aves de invernía que se levaron a cabo en dúas datas.
Na primeira, o 24 de xaneiro, tivemos unha clase teórica na sala de actividades da ala sur do Museo da man de Xosé Penas Patiño, ornitólogo e socio do Museo, quen mostrounos unhas diapositivas das diferentes aves que invernan no país.
O sábado 1 de febreiro, equipados con prismáticos, saímos cara Noia onde fixemos unha ruta a pé pola ribeira observando as aves. Alí puidemos ver exemplares de culleredo ou espátula, bilurico bailón, bilurico pativerde, gaivota, gaivota patiamarela, gaivota chorona, corvo mariño, lavanco real, garza dos bois e aguia peixeira.
Despois achegámonos en autobús ata a Lagoa de Vixán, lagoa de auga doce que se atopa en Carreira (Ribeira). Alí vimos o parrulo cullerete, o mergullón pequeño, o lavanco real ou azulón, o pato frisado, a galiñola de río ou focha, a garza, a garza real, a garzota, a cerceta, a gaivota, o gaivotón e a tartaraña das xunqueiras.
Rematamos visitando o Centro de Interpretación dos Sistemas Litorais de Galicia.
Nesta segunda xornada volvimos a ter a guía de Xosé Penas Patiño, e tamén de Xoan Santamaría Cameán e Ignacio Aparicio, membros da Sociedade Galega de Historia Natural.


