Unha xornada homenaxeará o legado de Dorothé Schubarth

Unha xornada homenaxeará o legado de Dorothé Schubarth
Imaxe
Presentación homenaxe Dorothé Schubarth

O Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organizan unha homenaxe á etnomusicóloga que percorreu as aldeas galegas a finais da década de 1970 para recompilar a música popular. A xornada en lembranza de Dorothé Schubarth celebrarase o mércores, 12 de xuño, no Museo do Pobo Galego, cunha combinación de música, baile e palabra da que debullaron máis detalles esta mañá a presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a directora do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, Elisa Fernández Rei. 

As tres representantes das institucións organizadoras destacaron o papel central que a musicóloga e compositora suíza representou para a música tradicional galega. “A colaboración con Antón Santamarina, que transcribiu 5.000 letras de coplas recollidas por Dorothé, uniu a Dorothé co ILG-USC ata o seu falecemento”, apuntou a súa directora. “Era unha amiga, era da casa. Cada vez que visitaba Galicia viña ao Instituto da Lingua Galega”, engadiu Elisa Fernández Rei.  

A xornada, que pretende ser unha festa, “será tamén unha homenaxe extensible a Antón Santamarina, xa que actuaron os dous cunha xenerosidade impresionante, que se xa nos sorprendía daquela, aínda máis coa perspectiva de hoxe”, sinalou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. 

O acto, que será aberto a toda a cidadanía sen inscrición previa, contará non só con participación institucional senón tamén cun peso importante do ámbito cultural e, concretamente, da música galega. Todo, co obxectivo de, como apuntaba a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, facer que o legado de Dorothé chegue a todos os recunchos do país.

Programa da xornada

A cita comezará ás 10:00 horas, coa apertura institucional do acto, que dará paso a unha actuación de música tradicional a cargo de Felisa Segade, acompañada dunha selección de músicas e fotografías do APOI do Museo do Pobo Galego recollidas por Dorothé. 

A continuación celebrarase unha sesión titulada Notas biográficas: Lembranza de Dora e do seu traballo en Galicia, na que intervirán Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego; e Diego Rodríguez, responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié. 

A obra de Schubarth e Santamarina será o eixo de dúas mesas redondas sobre o Cancioneiro. Na primeira delas, moderada por Antó Santamarina, tomarán parte Sergio de la Ossa, para afondar na súa importancia musicolóxica, e J.M. Pedrosa, cun relatorio para ubicar o Cancioneiro Popular Galego no marco español e panhispánico. Na segunda das mesas intervirán Concha Losada, quen falará sobre O traballo de Dora despois do cancioneiro: os arquivos das institucións; e Rebeca Carrera e Luís Costa, que centrarán a súa conversa na actualidade, difusión e emprego da recolla musical en distintas contornas. 

A xornada de mañá concluirá cunha sesión vermú (14:00 horas) cunha selección de pezas sobre material recollido por Dorothé interpretadas polo dúo Caamaño e Ameixeiras

O programa continuará pola tarde coa mesa redonda titulada O traballo de Dora alén do cancioneiro, moderada por M. Xosé Fernández Cerviño, e que afondará no traballo de Schubarth máis alá do Cancioneiro. Lucía Cedrón fará comentario e lectura doutros libros da homenaxeada, Carme Campo afondará na acción educativa e cultural no Museo do Pobo Galego e Alejandro Gándara tratará o cinema sobre Dorothé e o seu traballo. A mesa rematará cunha intervención de Antonio Reigosa titulada Dorothé Schubarth, mestra da memoria. Seguidamente haberá un intermedio audiovisual, cunha selección de imaxes e voces, acompañados da música en directo de Cástor e Félix Castro. 

A xornada de homenaxe concluirá cun concerto na igrexa de Bonaval, no que o cuarteto ALICERCE (Jorge Montes, Roberto Santamarina, María José Pámpano e Carlos García Amigo), xunto con Alberto Aneiros ao clarinete e Marcos Mato na percusión, interpretarán Transformacións, unha peza clásica composta pola propia Dorothé Schubarth.


Dorothé Schubarth, patroa de honra do Museo do Pobo Galego 

Dorothé Schubarth (Basilea, Suíza, 1944 - 2023) percorreu trinta e oito zonas da xeografía galega para rescatar os cantares da xente, transcribilos e publicalos, coa axuda de Antón Santamarina, nunha obra clave para entender o noso patrimonio musical, o Cancioneiro Popular Galego, editado en sete volumes pola Fundación Barrié. Actualmente, os fondos daquel intenso traballo de campo – as cintas orixinais, as libretas de campo, os relatos das viaxes ou as fotografías – están custodiados no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, grazas á xenerosidade da propia Schubarth e de Santamarina. 

En agradecemento polo seu traballo, o Museo do Pobo Galego nomeou a Dorothé Schubarth Patroa de Honra en 2017.

Programa_Homenaxe_Dorothe Schubarth.pdf