Fin de curso do proxecto Cóntame un Conto da Fundación Antonio Fraguas

Fin de curso do proxecto Cóntame un Conto da Fundación Antonio Fraguas
Imaxe
Foto Fin de Curso II Cóntame un Conto

A Fundación Antonio Fraguas celebrou o luns 30 de maio a festa de fin de curso da II Edición do proxecto Cóntame un Conto no Teatro La Salle de Santiago de Compostela. Nesta segunda edición participaron máis de 400 nenos e nenas de primaria e secundaria pertencentes a 5 centros educativos da nosa comunidade. Durante o presente curso académico recolleron, transcribiron, elaboraron fichas, leron, aprenderon e contaron contos nas súas aulas (de modo axeitado a súas idades e recursos) e mesmo gravaron e editaron vídeos. No acto de fin de curso estiveron presentes a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o director do museo, Manuel Vilar, e o secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Cóntame un conto é un proxecto educativo que promove a actividade de contar contos tradicionais galegos entre os escolares da área de Compostela. O proxecto busca aproveitar as posibilidades educativas deste recurso, promover o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral e incorporar a tradición oral de contar contos ás actividades públicas dos centros escolares.

Na nosa web poden visualizarse os vídeos de contos relatados por nenos e nenas. Ademais, dispoñemos de enlaces a contos tradicionais orixinais dos que alberga o Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade do Museo do Pobo Galego (APOI).

O obxectivo da Fundación Antonio Fraguas é o de fomentar a recollida e estudo da cultura material e espiritual de Galicia. Ten como espazo de referencia singular o Museo do Pobo Galego, por desexo expreso do seu fundador en 1999. E é que o Museo recolle o legado do labor de D. Antonio Fraguas Fraguas e doutros ilustres patróns, e constitúe unha institución por eles querida para representar, sintetizar e edificar imaxes, sentidos e significados da tradición cultural de Galicia.