Dispoñible o catálogo en liña das pezas do antigo museo do SEG

Tipo nova
Colección
Dispoñible o catálogo en liña das pezas do antigo museo do SEG
Imaxe
CatalogoSEG

Para conmemorar o centenario do Seminario de Estudos Galegos, esas serán as primeiras pezas, das preto de 16.000 que integran a colección do Museo do Pobo Galego, que se poñan a disposición do público a través da nosa web www.museodopobo.gal.

Con motivo do centenario da fundación do SEG, o Museo do Pobo Galego habilitou o acceso en liña á colección de pezas procedentes do desaparecido museo que o Seminario de Estudos Galegos materializara en 1930 no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela. Pezas que, dende a súa inauguración, custodia o Museo por expreso desexo das persoas que foran membros do Seminario, como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, e que formaron despois parte do Padroado que creou o Museo do Pobo Galego en 1977. 

Dentro dese legado material hai pezas relacionadas co patrimonio musical, como unha zanfona de nogueira, ferro e óso do século XIX; coa vestimenta tradicional galega, como unha coroza de comezos do século XX; ou cos oficios artesanais, como unha colección de ferraxes ou as pezas de olería de Buño ou Niñodaguia, entre outras. 

A consulta e o acceso en liña da colección é posible grazas ao programa desenvolvido por Novadoc OaiStore pero, tamén, grazas ao traballo de moitas persoas, especialistas na documentación, catalogación e xestión de coleccións museográficas, que nos últimos tempos achegaron os seus coñecementos e esforzo ao Departamento de Documentación e Xestión da Colección.

Os fondos procedentes do antigo Seminario de Estudos Galegos son as primeiras fichas visibles da colección en liña do Museo do Pobo Galego, que irá aumentando progresivamente a medida que avancen os traballos de documentación e catalogación. A colección do Museo acada hoxe os 15.800 rexistros, dos que unicamente están expostos preto dun 15%.