A colección do Museo acada os 15.000 rexistros

Tipo nova
Colección
A colección do Museo acada os 15.000 rexistros
Imaxe
Trenza de cabelo dunha nena defunta

A colección de obxectos do MPG segue medrando día a día grazas ás achegas desinteresadas de centos de persoas que, coas súas doazóns, contribúen ao seu crecemento e diversificación. Hoxe a nosa colección acada os 15.000 rexistros, cunha peza moi especial: unha trenza de cabelo dunha nena falecida, doada pola súa familia. 

A perda dun ser querido é sempre dolorosa. É aínda máis dramática e menos aceptada cando se trata da morte prematura dunha filla. Para axudar a asimilar esta perda, era costume conservar obxectos persoais da persoa defunta que se gardaban agarimosamente como si dunha reliquia se tratase. De entre todos eses obxectos o máis significativo era gardar o cabelo da persoa perdida.

O cabelo humano é parte inherente do corpo dunha persoa; conservalo é unha maneira de testemuñar a existencia desa persoa e de gardar, nesa reliquia, a esencia do ser perdido. Ademais, o cabelo pode conservarse ben durante moito tempo, pois non se degrada con facilidade, o que dá a idea de perdurabilidade.

A trenza que leva o número 15.000 da colección pertenceu a unha nena que finou en Silleda de forma súbita en 1970 aos 7 anos. Gardada desde entón pola súa nai como recordo da filla perdida, a trenza serviu como elemento integrador do grupo familiar especialmente para o resto da descendencia do matrimonio que non chegou a coñecer a súa irmá pero que a tiñan presente a través da súa reliquia. A trenza estaba gardada xunto cun detente en forma de escapulario, un obxecto de devoción defensivo, bordado e pintado a man.