XX aniversario do Instituto de Estudos das Identidades (IEI) 

Submitted by xestor on Mér, 30/04/2025 - 15:56
21
May
2025
XX aniversario do Instituto de Estudos das Identidades (IEI) 
Imaxe
IEI

O 21 de maio de 2005, o Padroado do Museo do Pobo Galego acordou crear o Instituto de Estudos das Identidades, como un órgano específico da Asociación que ten por obxectivo fundamental establecer e desenvolver liñas de investigación e de intervención sociocultural nos diferentes ámbitos que lle son propios ao Museo, con especial atención ao estudo interdisciplinar da identidade galega e da súa interrelación con outras identidades.

Para conmemorar o 20º aniversario do IEI organizouse un programa que consiste, en primeiro lugar, na difusión en formato aberto en liña do conxunto das publicacións elaboradas pola entidade nestas dúas décadas.

O día 21 de maio, ás 19 horas, celebrarase no Museo do Pobo Galego unha sesión conmemorativa aberta na que se abordarán os principais logos do IEI, os seus proxectos en curso e as expectativas para o inmediato futuro, baixo o título 2005-2025. 20 anos do Instituto de Estudos das Identidades. Pasado, presente e futuro.

Para o próximo mes de novembro o IEI ten previsto organizar un simposio en torno ao tema «Patrimonio etnolóxico e antropolóxico nos museos de Galicia. Situación actual e proxectos de futuro».