Desde o Museo do Pobo Galego convidamos a participar nunha visita cantada pola nosa colección permanente. Un percorrido guiado polas cantareiras Hadri e Jenni Felpete, que irán botando coplas en cada unha das diferentes paradas que se farán durante o itinerario, que terá o seu remate fronte á exposición Cantareiras. Oralidade - Creación - Transmisión (que poderá visitarse a continuación libremente).
A actividade, impulsada polo DEAC do Museo, terá lugar o domingo, 6 de xullo, en dous pases: ás 11:00 e ás 12:30 horas.
A inscrición pode facerse até o 3 de xullo, enviando un correo a servizosdeac@museodopobo.gal
Irmás e cantareiras
Hadri e Jenni Felpete son irmás e iniciáronse na música tradicional desde ben cedo no Centro Cultural de Carballo. Na súa traxectoria, formaron parte da Banda Municipal de Gaitas de Carballo, da Banda de Gaitas da A.C. Malante de Malpica –na que seguen na actualidade–, ademais de pasaren por diferentes asociacións culturais como Arume de Verdillo, Raigañas de Cerqueda ou Xacarandaina da Coruña. Na actualidade integran o grupo Do Rivés pandereiteiras. Contan con diversos premios polo seu manexo da pandeireta, canto e percusión tradicional e viaxaron polo mundo compartindo a nosa cultura.
A actividade forma parte da programación paralela do Museo do Pobo Galego ao redor das Letras Galegas.