Soa Bonaval, o evento musical impulsado polo Museo do Pobo Galego / 30 de setembro e 1 de outubro 2022

Submitted by xestor on Ven, 23/09/2022 - 09:23
30
Sep
2022
Tipo evento
Evento
Soa Bonaval, o evento musical impulsado polo Museo do Pobo Galego / 30 de setembro e 1 de outubro 2022
Imaxe
Cartel Soa Bonaval II

A segunda edición do festival celébrase do 30 de setembro ao 1 de outubro, con concertos, conversas e itinerarios sonoros.

O Museo do Pobo Galego organiza a segunda edición do Soa Bonaval. Un festival que recunca en Compostela, desta volta cun pleno de artistas da nosa terra, e fiel aos obxectivos que o viron nacer: desmitificar os xéneros e as etiquetas, e contar con profesionais que traballen sobre os sons clásicos e de raíz, o local e a cultura e a lingua propias, compoñendo músicas plenamente actuais que van desde o electrónico ao folk, pasando polo pop, o rock ou o ambient.

O Soa Bonaval 2022 dará comezo o venres 30 de setembro ás 17 horas, cun taller a cargo do compositor, produtor, pianista e músico electrónico Nacho Muñoz. “Da foliada ao rave. Obradoiro de Electro Trad” pretende ser un espazo de creación sonora comunitaria para achegarse a lugares comúns presentes nas foliadas, nas raves e nos transos colectivos inducidos mediante a música, o canto e o baile. A sala 2 de exposicións temporais do Museo converterase no escenario dunha festa musical con materiais sonoros creados polas persoas participantes no taller, a través da experimentación dos procesos electrónicos cos instrumentos tradicionais e á inversa.

No formato de conversas-concertos con artistas, esta segunda edición contará coa poeta e artista coruñesa Lucía Aldao, quen debullará os pormenores do seu traballo creativo, da man da xornalista, poeta e música Xiana Arias. Ademais, nesta actividade, Lucía Aldao presentará e interpretará os temas do seu primeiro proxecto musical en solitario, “PAVA”. Un traballo cuxo único soporte físico é unha figura escultórica elaborada pola artista Laura Pazos.                                                        

O cartel desta segunda edición inclúe tamén as propostas da artista galega de raíces arxentinas Catuxa Salom, que traerá a Bonaval a súa fusión de folclore galego con ritmos tribais, aderezada con aires electrónicos; e tamén a música de Paraíso Canto, o proxecto de Martiño Malleiro e Gabi Reboredo que, partindo da tradición oral galega, experimentan con musicalidades ibéricas, lusófonas e doutras culturas do mundo.

O festival complétase co itinerario sonoro Son(Em)peza, unha proposta do Departamento de Educación e Acción Cultural (DEAC) coa colaboración do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego. Posta en marcha con éxito xa na anterior edición, pretende mergullar o público na colección e os arquivos do Museo, usando o son como elemento condutor.

* Información de grupos, actividades e prezos AQUÍ

As entradas pódense conseguir aquí: Vivetix do Museo do Pobo Galego

O evento, organizado polo Museo do Pobo Galego, conta co patrocinio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, ademais da colaboración do Arcebispado de Santiago.

Descarga
PDF DEAC