Papeis da NEG. Proxecto Coloso

Submitted by xestor on Mar, 07/06/2022 - 11:27
08
Jun
2022
Tipo evento
Exposición
Papeis da NEG. Proxecto Coloso
Imaxe
Colosso

O arqueólogo portugués Martíns Sarmento tivo noticia no ano 1876 dunha escultura aparecida nun monte de Braga. O arqueólogo imaxinou a peza como protohistórica, comezando así a construción dun relato especulativo. Logo, no século XX, foi trasladada á Sociedade Martíns Sarmento de Guimarães e aumentou o interese entre os investigadores, especialmente entre os galegos, para os que era unha escultura que encaixaba nun relato mítico nacional que nos levaba ao territorio da vella Gallaecia. Na actualidade, O Homem de Pedra, como tamén é coñecida, atópase colocada ou “esquecida” nunha rotonda de entrada á cidade.

O colectivo NEG (Nova Escultura Galega) aproveita unha peza inacabada e desmesurada para lanzar, tras un proceso de documentación, unha mirada desde as artes visuais e desde a ironía sobre o xeito de construír un relato do pasado e como ese relato transcende o arqueolóxico e vale para a construción dun imaxinario compartido nas terras do Miño portugués e en Galicia.

Se no momento da súa descuberta O Coloso de Pedralva era un enigma sobre a súa orixe, hoxe o enigma segue e transcende ao arqueolóxico.

A mostra xa estivo durante ano 2021 no Centro Internacional das Artes José de Guimarães, da cidade de Guimarães.

Os domingos permanecerá pechada ao público.