ONS SOA

Submitted by admin on Mér, 04/08/2021 - 10:26
23
Mar
2021
Tipo evento
Exposición
ONS SOA
Imaxe
Cartel da exposición OnsSoa

Programada no marco da 16.ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. 
Do 23 de marzo ao 30 de maio de 2021 no Museo do Pobo Galego. 
Comisariada por Paula Ballesteros-Arias.

Aberta en horario do Museo do Pobo Galego:
De martes a sábado: 11 horas – 18 horas [horario continuado].
Domingos: 11 horas – 14 horas.

Asistencia controlada

A 16.ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) acolle como actividade paralela a exposición ONS SOA, comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na illa de Ons. Baixo ese título a exposición mostra unha selección de pezas que proceden da súa investigación no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC entre 2009 e 2013, xunto con materiais propios que foi recompilando desde finais dos 80 ata o 2016. Trátase dun achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria e das testemuñas das persoas que residen na illa no momento da investigación. A exposición, como un relato autoetnográfico, resume as inquedanzas e impresións da antropóloga sobre o patrimonio cultural de Ons, unha mostra práctica -e sensorial- de antropoloxía visual. A exposición estará do 23 de marzo ao 30 de maio de 2021 no Museo do Pobo Galego.

O discurso narrativo colle forma de viaxe de ida e volta a través das imaxes e das paisaxes sonoras. A mostra ONS SOA está formada por 19 fotografías e outros documentos audiovisuais. As imaxes representan historias de vida, historias dunha comunidade que modelou a propia illa e conviviu con esas pedras desde o respecto, dotando dunha enorme simboloxía os espazos, con numerosos mitos e lendas asociados a elas.

“Trato de plasmar a diversidade dun territorio illado, relativamente pequeno, onde os contrastes son unha parte esencial que marca a súa singularidade, partindo do que vemos, do espazo físico onde as súas vertentes leste e oeste están claramente diferenciadas. Cara ao mar aberto do Atlántico ten unha costa abrupta e recortada con pequenas enseadas de coídos, cantís e covas mariñas. Porén, cara á ría, os areais ocupan unha parte moi importante do espazo, e é aí onde atopamos a paisaxe agraria e os pequenos núcleos de poboación, onde acontece a vida social e o achegamento ao continente. Esa dualidade tan marcada entre a paisaxe salvaxe e a máis doméstica é o inicio do percorrido da exposición”, explica a comisaria.

A illa de Ons (Bueu, Pontevedra) pertence ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia dende o 2002 xunto cos arquipélagos das Cíes, Sálvora e Cortegada. É o único que aínda está habitado. Paula Ballesteros comezou a idear este traballo no verán de 2006, cando nun paseo pola praia de Canexol recoñeceu algo no cantil que lle fixo pensar en que alí houbera unha manufactura de salgadura de peixe da época romana. Nese momento inicia un traballo que describe no artigo "Historia dunha investigación na illa de Ons", que viu a luz no número 104 da publicación A Trabe de Ouro, en 2015, unha investigación de varios anos publicada polo CSIC no volume Ons: unha illa habitada.

BIOGRAFÍA DA COMISARIA 

Historiadora, formada como antropóloga e arqueóloga, centrou o seu traballo de investigación en pescudar sobre as etapas cronolóxicas e os procesos formativos que deron lugar á paisaxe agraria actual en Galicia. Formou parte de proxectos sobre metodoloxías participativas para inventariar patrimonio inmaterial, así como no proxecto “Procesos de cambio e formación na paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia” (2011-2013) no Incipit do CSIC. Actualmente combina a creación escénica e actoral co coñecemento adquirido no eido das ciencias sociais. Desde o 2020 é membro da Comisión Técnica de Informes en Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG).