O mércores, 20 de setembro, ás 19:30 horas, o Museo do Pobo Galego acolle o acto de entrega de Premios Rosalía de Castro de Lingua 2023.
Un certame que convoca a Deputación da Coruña e que, cada ano, recoñece o labor de promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galicia, tanto no ámbito provincial como no conxunto do país.
Ademais de acoller a cerimonia, o Museo ten a honra de ser un dos galardoados. Xunto con Orgullo Galego, recibiremos, ex aequo, o premio na categoría de entidades.
Pakolas. Rock infantil e familiar en galego, na categoría de proxectos de dinamización para a poboación de menor idade e infancia; e o técnico de normalización lingüística Daniel Romero, na categoría de persoas, son os outros premiados nesta XIV edición.
A cerimonia rematará cunha actuación musical a cargo do grupo Momboi.