Hai 75 anos, o mes de decembro de 1949, un Castelao exiliado na Arxentina asinaba no seu leito de morte os primeiros pregos da que ía ser a súa derradeira obra publicada: As cruces de pedra na Galiza, o resultado de moitos anos de estudo desas particulares mostras de relixiosidade popular.
Con motivo desa conmemoración, durante este mes de decembro poderá verse a mostra "75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza". Unha selección bibliográfica en homenaxe ao máis coñecido polígrafo rianxeiro que inclúe unha escolma de fondos propios, entre os cales primeiras edicións de As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na Bretaña, así como bibliografía de Portugal, Irlanda, Bretaña, Illa de Man, Escocia, Cornualles e Gales. A mostra, na que tamén hai obras cedidas por persoas socias e patróns, parte da idea expresada hai décadas por Castelao de que non seremos conscientes da gran riqueza que temos en relación coas cruces de pedra até que coñezamos este fenómeno no resto de fisterras atlánticas europeas.
Organizada e producida polo Museo do Pobo Galego, conta co deseño gráfico e rotulación de Juan Feáns, e coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Vicepresidencia da Deputación de Lugo - Área de Cultura e a Rede Museística Provincial de Lugo - Museo Provincial de Lugo; e o Concello de Santiago de Compostela.
Pode visitarse na Ala Sur de martes a sábado, de 16:00 a 20:00 horas, agás os días 6 e 24 de decembro, que abrirá de 11 a 14 horas