Inmersa na presentación do seu segundo traballo en solitario, Faia Díaz compartirá coas persoas asistentes o proceso creativo de Alvela, un traballo a partir do arquivo no que revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas.
Na conversa, que contará coa participación da etnomusicóloga Beatriz Busto, o público poderá coñecer de primeira man a estreita vinculación de Alvela co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo. Ademais, será tamén a presentación pública do vinilo da cantante e creadora.
A cita é o xoves, 15 de maio, ás 20:00 horas, na sala de actividades da Ala Sur do Museo. A entrada é libre até completar capacidade.
A proposta fai parte da programación do Museo do Pobo Galego ao redor das Letras Galegas 2025.