"Aire do outro mundo"

Submitted by xestor on Mar, 29/04/2025 - 20:06
16
May
2025
"Aire do outro mundo"
Imaxe
Aire do outro mundo

Nas vésperas do Día Internacional dos Museos, propoñemos unha maneira diferente de visitar o Museo do Pobo Galego, a través dunha deriva senso-sonora, o venres, 16 de maio, ás 21 horas. 

Aire do outro mundo é unha proposta para transitar, en silencio e coa escoita de todo o corpo aberta á experiencia, o edificio de San Domingos de Bonaval na compaña de Elsa Pereira, persoal de sala do Museo que cada día comparte ritual cos seres que habitan este lugar onde, cada día, ao apagar as luces, as ánimas de Castelao ou Rosalía ocupan os espazos que lles corresponden e debaten, cantan e murmuran o acontecido durante a xornada.

Esta experiencia está inspirada nas derivas situacionistas, que nos convidan a pensar por que, en determinado lugar dobramos á dereita ou á esquerda, ou de xeito intuitivo nos detemos. As persoas participantes atoparanse con algunhas sorpresas, murmurios, imaxes e sensacións que, máis que dar medo, conectan co íntimo e o poético dun edificio con tanta carga de vida de morte como este que alberga o Museo. 

A actividade, destinada a público adulto, ten unha duración estimada de 60 minutos. As entradas estarán á venda no Vivetix do Museo do Pobo Galego, a un prezo xeral de 5 euros e reducida a 3,50€ para persoas socias, maiores de 65 anos e estudantes maiores de 18 anos. 

Elsa Pereira é, ademais de traballadora do Museo, bailarina e investigadora na disciplina "Body weather" e ten realizado traballos "site specific" corpo-paisaxe no espazo urbano, sempre co obxectivo de botar unha ollada consciente sobre o territorio que nos rodea. Durante a súa formación en danza e creación contemporánea, realizou un traballo inspirado nos camiños de luz que existen na obra de Álvaro Siza dentro da Facultade de arquitectura do Porto e promove Derivas en silencio na procura dos camiños do desexo que, debido ás continuas transformacións que sofre a cidade ao longo do ano, é preciso deliñar sobre o territorio para poder seguir habitando e transitando o lugar que escollemos para vivir.