Instalamos un libro de condolencias na memoria de Dorothé Schubarth
O 6 de setembro de 2023 faleceu en Basel, a súa cidade de Suíza, a Patroa de Honra do Museo do Pobo Galego, Dorothé Schubarth. Autora xunto con Antón Santamarina do Cancioneiro da Música Popular de Galicia editado pola Fundación Barrié, Dorothé fixo durante anos un inxente e marabilloso traballo relacionado coa recolla e custodia, análise e difusión do noso patrimonio musical tradicional.
Ela depositou no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) do Museo do Pobo Galego as cintas orixinais das súas recollas por todo o longo e ancho do país galego. Tamén nos deixou as súas libretas de campo, as súas notas, as súas fotografías, os relatos das viaxes e as xentes que ela coñeceu, visitou e volveu visitar na busca dunha achega profunda ao noso modo de facer música, de cantar, de vivir... pero, sobre todo, deixounos o seu exemplo de traballo, aquí a pé de nós, de tesón, de amor pola nosa música e por Galicia.
Desde este sábado instalamos na entrada do Museo un libro de condolencias na súa memoria onde esperamos que todas as xentes da música de Galicia, todas as persoas que gozaron e gozan do seu legado e que o aprecian, poidan deixar as súas mensaxes, textos ou melodías. Estará accesible en horario de apertura do Museo durante estes días.
Completarémolo tamén cun enderezo de correo apoi@museodopobo.gal onde recibiremos as mensaxes de quen non poida acercarse fisicamente a deixalas. Pedimos, se facedes o favor, que as identifiquedes co asunto “Lembranza de Dorothé Schubarth” pero recibirémolas de todos modos.
Reuniremos finalmente os documentos recibidos e faremos público o conxunto da mellor forma posible segundo se vaian desenvolvendo os días sucesivos.
Agradecemos moi especialmente as asociacións e agrupacións ou medios de comunicación que reciban esta mensaxe, que a difundan entre os seus, para que chegue a todos os recunchos de Galicia e que entre todas e todos fagamos posible unha homenaxe que Dorothé merece tanto.