Celebramos a aprobación no Parlamento da ansiada lei para dignificar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

Celebramos a aprobación no Parlamento da ansiada lei para dignificar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres
Imaxe
PanteonIlustres

28/07/2023

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposicion de lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Unha norma que, por fin, vén dotar o espazo dun marco xurídico de funcionamento en liña coa súa importancia histórica e simbólica. 

O Panteón, que acubilla a igrexa de San Domingos de Bonaval e que é un dos principais símbolos do galeguismo, por ser onde repousan os restos de Rosalía de Castro e doutros ilustres intelectuais da historia de Galicia como Daniel Rodríguez Castelao, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey ou Domingo Fontán, pasará a depender dunha fundación pública autonómica. Dita fundación contará cunha comisión asesora encabezada pola persoa que asuma a presidencia do Parlamento de Galicia, e nela estará tamén representado o Museo, xunto con outras institucións do país.

A norma aprobada hoxe vén cumprir unha vella reclamación do Museo do Pobo Galego. Despois dun acordo entre a Igrexa e a Xunta, a entrada ao mausoleo víñase facendo normalmente a través das nosas instalacións. Desde a nosa institución, entendiamos que era imprescindible “desbloquear a situación do Panteón, para dignificalo e dotalo duns contidos acordes co seu nome”. Así o expoñía xa en abril de 2006 o daquela presidente do Padroado do Museo, Justo Beramendi, nunha comparecencia perante o Parlamento de Galicia.

Con ese obxectivo, en 2008, o Padroado do Museo do Pobo Galego deu o primeiro paso para unha acción pública concertada para desatascar o asunto. Creouse daquela unha comisión coa presenza do Consello da Cultura Galega e da Real Academia, xunto con representantes das fundacións Fundacións Rosalía de Castro, Alfredo Brañas e Castelao. En 2011 fixemos entrega ao Parlamento de Galicia dun borrador da proposta de Lei do Panteón de Galicia. Un documento que hoxe, despois de anos de traballo conxunto e do noso reiterado seguemento do procedemento, vén de ser aprobada. Unha auténtica satisfacción para todas as persoas que integramos esta institución.

Podedes ver aquí o pleno da tramitación da proposición de lei, hoxe no Parlamento de Galicia. 

 

 Foto de familia ao remate da sesión extraordinaria do Parlamento de Galicia na que se aprobou por unanimidade a proposición de lei.