Conferencia “Xulián Magariños e o Seminario de Estudos Galegos” en Negreira o 16 de maio

Conferencia “Xulián Magariños e o Seminario de Estudos Galegos” en Negreira o 16 de maio
Imaxe
Xulián Magariños

O centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG) está en marcha e, ainda que o programa conmemorativo intensificarase ao redor da data do 12 de outubro -a mesma na que no ano 1923 ten lugar a excursión de nove universitarios a Ortoño, acto fundacional do SEG- xa están marcadas na axenda diferentes actividades ao redor deste aniversario. O vindeiro 16 de maio ás 11:35h, en Negreira e no IES que leva o seu nome, unha conferencia lembrará a figura de Xulián Magariños (1904-1934), un dos fundadores do SEG. Será o historiador e biógrafo, Xosé Amancio Liñares Giraut, tamén negreirés, quen percorra a breve pero intensa biografía de Magariños. Para o centenario do SEG, o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia promoven un programa conmemorativo conxunto en colaboración con outras institucións relacionadas co Seminario de Estudos Galegos.

Cúmprense en 2023 cen anos da constitución do Seminario de Estudos Galegos, que nace seis anos despois das Irmandades da Fala e ao ano seguinte de que lle fose concedida á Universidade de Santiago de Compostela a sección de Filosofía e Letras. Nove rapaces estudantes: Alberto Vidán Freiría, de 27 anos; Fermín Bouza Brey, de 22; Xosé Pena Pena, de 21; Xulián Magariños Negreira, de 19; Ramón Francisco Romero Lema, de 20; Wenceslao Requejo Buet, de 18; Xosé Filgueira Valverde, de 17; Lois Tobío Fernández, de 17, e Ramón Martínez López, de 16, de distintos cursos universitarios, coa complicidade do catedrático Armando Cotarelo Valledor, de fala e cultura galegas, deciden sumarse a ese proxecto de investigar e divulgar a cultura do país. Cinco deles peregrinarán ao castro de Ortoño o 12 de outubro de 1923, na comarca da Maía, onde foi aleitada, entre febreiro e agosto de 1837, Rosalía de Castro, escritora fundacional.

Xulián Magariños, nacido en Negreira en 1904, estudou Dereito en Santiago de Compostela; ao remate da carreira trasladouse un par de anos a Madrid para retornar en 1930 á súa vila natal exercendo de avogado. Colaborador habitual da prensa galeguista, Magariños publicou na colección Lar, promovida por Leandro Carré e Anxel Casal en 1924 dúas novelas curtas: O kalivera 30 H.P. (1926) e O filósofo de Tamarica (1926). Na primeira recorre aos inicios do automobilismo en Galicia e ás obsesións que creaba nos usuarios. Na novela O filósofo de Tamarica, Magariños ofrece unha visión crítica da vida vilega. O 9 de xullo de 1934, Xulián Magariños morre prematuramente cando aínda non fixera os 30 anos de idade.

A organización da conferencia “Xulián Magariños e o Seminario de Estudos Galego” conta coa colaboración do Concello de Negreira e inclúese na programación do centenario do SEG, que se espallará en 2023 por diferentes puntos xeográficos de interese. Dar a coñecer a labor fundamental do SEG así como as biografías dos seus promotores entre a xente máis nova, coma neste caso entre o alumnado de Secundaria de Negreira, é un dos obxectivos do programa conmemorativo conxunto.